miércoles, 5 de septiembre de 2012

¡ Ori Ori Ori Capitán !


O vestiario do Blusens Monbus xa ten os seus capitáns para este curso. O pivote Oriol Junyent será o primeiro capitán, recollendo a testemuña de Tuky Bulfoni, na súa terceira tempada no equipo. Será secundado na súa función polo base, Andrés Rodriguez, que tamén afronta o seu terceiro ano no club santiagués.

A veteranía, un grao.

Tradicionalmente, os xogadores máis lonxevos no equipo son os que ocupan ese posto. Pero Oriol, independentemente de que sexa o xogador con máis anos de experiencia, demostrou en multitude de ocasións que nos malos momentos a veteranía é un grao.

"Ser o capitán do Obradoiro significa ter unhas obrigas cos meus compañeiros e cara ao club de axudar en todo o que poida. A miña tarefa é defender e levar o nome do Obradoiro ao máis alto".

Con estás palabras definiu Oriol Junyent o seu novo labor. Algo que como ben di Andrés Rodríguez, xa viña exercendo dende a súa chegada. "É sen dúbida a persoa máis importante dentro do equipo dende que cheguei hai dous anos, Oriol é tan importante dentro como fóra da cancha. E non só como compañeiro senón como persoa".

Para o catalán, falar de Andrés Rodriguez é falar de loita e entrega. Como xogador, "Andrés é o cerebro, o organizador do equipo. É unha persoa moi implicada co club, que sempre está disposto a axudar aos compañeiros. Adora o baloncesto".

Oriol e Andrés saben que a responsabilidade que lles tocou compartir non é tarefa doada. Ser capitán vai moito máis alá. "Para o meu un capitán é un líder. Sempre me sentín como un líder dentro da cancha pola miña posición, agora me tocase selo fóra dela tamén", afirma o director de xogo do Blusens Monbus.

A Oriol, ademais, a implicación co Obradoiro C.A.B. levouno a participar no día a día do club. É adestrador do equipo infantil das categorías inferiores, e confirmouse como unha figura moi importante dentro da propia entidade.

Ao preguntalos por un xogador referente nese posto, ningún dos dous dubidou nin un segundo á hora de responder. Para o 15 do Obra, sen ningún tipo de dúbida, aínda que pasou xa moito tempo diso foi Andrés Jimenez. Foi un bo capitán, do melloriño que tiven".

Para Andrés, a pesar de que non é doada a elección, pois presume de ter tido moi bos capitáns ao longo da súa carreira, se tivese que escoller só un, o nome sería o de Dragisa Drobnjak que "foi o primeiro capitán que tiven no meu primeiro ano en Europa".

No hay comentarios:

Publicar un comentario