miércoles, 13 de junio de 2012

O Obradoiro C.A.B. pide un último esforzo á afección para alcanzar o reto da conversión

O Palacio de Congresos de Santiago acolleu este luns ante a presenza de máis de trescentas persoas, a asemblea informativa ofrecida polo Obradoiro para falar sobre a situación actual do Club así como do reto que supón conseguir os 3.050.000 euros necesarios para a conversión en Sociedade Anónima Deportiva.

Jose Ramón García, vicepresidente e voceiro do Obradoiro C.A.B., foi o encargado de abrir a Asemblea recordando que este proxecto é "un reto de todos" e que se non se consegue culminar con éxito o proceso de conversión en SAD será imposible seguir competindo na Liga Endesa.

É por iso que, acompañado de vídeos introdutorios e dunha presentación multimedia, José Ramón García repasou as principais accións das tres últimas tempadas así como o reto ao que todos nos enfrontamos para lograr a supervivencia do club ante a inminente conversión en SAD.

"Ou todos ou ningún", ou "É ou momento de pasar a acción" son os lemas cos que a directiva do Obra pide un último esforzo tanto aos afeccionados coma ao tecido empresarial da cidade. Como ben recordou o presidente Raul López, "este é un proxecto de toda Galicia, non só da cidade de Santiago".

Durante a presentación valorouse tamén os diferentes ámbitos de xestión do club, informando sobre a situación orzamentaria e achegas do Grupo Empresarial que encabeza o proxecto obradoirista. Achegáronse datos económicos ata agora descoñecidos e por riba de todo solicitouse a implicación de todos para completar o capital social de 3.050.000 euros.

O vicepresidente da entidade mostrouse convencido de que o Obradoiro se encontra en "o mellor momento deportivo da historia", pero mostrouse, tamén, especialmente orgulloso polos valores que transmite este club, destacando que os Obradoiristas son respectados por todo o mundo.

Para rematar, abriuse un espazo de rogos e preguntas, momento no que todos os presentes expuxeron as súas dúbidas e inquietudes que, na medida do posible, se intentaron resolver.

En breve, o club fará pública toda a información referente á campaña de abonados aínda que onte xa se adiantaron algúns datos como os prezos e vantaxes que se ofrecerán a todos os abonados xa accionistas que incrementen o seu número de accións ou ben aos que decidan converterse en novos accionistas do club.

No hay comentarios:

Publicar un comentario