viernes, 18 de mayo de 2012

En marcha a venda de accións para a conversión en SAD

A partir do luns, día 21 de maio, comeza o proceso máis importante para a conversión do Obradoiro CAB en Sociedade Anónima Deportiva. O capital social a cubrir nesta terceira fase ascende a 1.957.500 € distribuídos en 15.660 accións que teñen un valor nominal de 125 €.

A subscrición de accións entra agora na terceira e última fase que irá dende o día 21 de maio ata o día 15 de xullo, ambos os dous inclusive e na que poderán adquirir estas calquera sociedade ou comparece que teña unha especial vinculación co club. Este é o momento no que verdadeiramente o Obradoiro CAB se xoga a conversión.

Para a compra de accións, os interesados deben achegarse ás oficinas do club (en horario de oficina de 10 a 14 h. e de 16 a 19 h.) ou ben pórse en contacto por teléfono chamando o 981 558 448 ou a través do correo electrónico accionistas@obradoirocab.com

A conversión en SAD

O club deu todos os pasos necesarios e xa están á venda dende o pasado 1 de abril as accións do OBRADOIRO CAB. O capital mínimo para a conversión ascende a 3.050.000 € e o prezo de cada acción é de 125 euros.

Na primeira fase, que comezou o pasado 1 de abril e con duración dun mes, só os socios tiveron o dereito a adquirir valores. O prazo foi dun mes, cun máximo de compra de 106 accións por socio que serían 13.250 o valor en euros. É unha cifra que nace da lóxica, dividindo o capital en venda polo número de socios, co fin de permitir, no caso de que queiran facelo, que todos os socios teñan dereito a comprar o mesmo número de accións.

A segunda fase, que comezou o pasado 1 de maio, tiveron opción todos aqueles socios que durante a primeira tivesen exercido o seu dereito de compra. Esta foi a última opción en exclusiva para os socios porque deseguido ábrese este luns a fase terceira e definitiva, na que de verdade o OBRADOIRO C.A.B xógase a conversión.

Despois destes dous meses que restan, todos aqueles que adquirisen accións converteranse en accionistas do club, o que vén a significar que serán os seus donos.

Ata o momento, dalgún xeito, os socios eran os donos do club, pero nunha SAD fálase doutro tipo de propiedade, con algunhas diferenzas. A máis notoria é que o socio deixa de ser dono cando deixa de pagar. O accionista do OBRADOIRO C.A.B. será propietario ata que queira deixar de selo.

A conversión en todos os seus termos non terá finalizado, aínda que se subscribise o capital, ata os primeiros días de agosto. Abrirase entón unha nova canle burocrática que culmine a transformación e que verá o final coa constitución da Sociedade e o seu Consello de Administración.

Unha vez finalizada a conversión, o capital social pasará a formar parte do patrimonio do club, como en calquera outra empresa mercantil.

No hay comentarios:

Publicar un comentario